HOMENAXE A CECILIO RIAL

06/09/2013
Hoxe comeza a Romaría de Darbo e o primeiro acto organizado pola Asociación Cultural A CEPA, foi a homenaxe a un poeta da parroquia de Darbo que nos deixou fai algo máis de trece anos. O acto tivo lugar na Rúa Alfredo Saralegui de Cangas, fronte onde era o Bar Celta e presentouse un libro titulado "ROMARÍA DE SOÑOS". A súa neta, Fátima Xuncal Rial relátanos un pouco o que foi a vida deste gran poeta. Este relato foi publicado por Faro de Vigo o 16 de decembro de 2012.

Cecilio Rial Pérez naceu un 12 de decembro de 1925 no número 133 do Outeiro de Balea (hoxe nº 33) e falece o 27 de abril do 2000. Foi o primeiro de tres irmáns: Cecilio, Ermitas e Pepe. Herdou o nome do seu pai, mariñeiro de profesión que andaba aos polbos. A súa nai Celia traballaba limpando anchoa na fábrica conserveira de Massó. Cecilio estudou na escola de Balea que había preto do Restaurante Simón, na da Cachola, e máis tarde foi ás clases de pago na de Filo, a muller do Ghalo, pero pronto deixou os estudos para poñerse a traballar. Primeiro cumpriu o servizo militar na Escola Naval de Marín onde era moi querido. Levaba as fillas dos tenentes a onde o mandaban e conta a súa irmá Ermitas que cando podía gabeaba polos portais, con algún dos seus compañeiros, para ir xunto das mozas. En varias ocasións animárono para que rematado o servizo militar seguira na Escola Navalpero por aquel entón cruzouse na súa vida Amalia, a que sería a súa muller e nai dos seus sete fillos: Manolo, Pucho, Antonio, Barros, Amalita, Raquel e Miguel.

Cando casou foise vivir para o "Barrio Chino"; primeiro viviu nunha casa que queda o comezo da praia da Congorsa e máis tarde cambiou para unha das casas que quedaban a carón do vello campo de fútbol de Massó. Aínda que nos seus comezos traballou de albanel pronto o deixou e empezou a traballar de mariñeiro. Dedicouse á pesca do bonito, foi polbeiro, andou á ameixa e, co seu irmán Pepe, ía á navalla. Máis tarde foi patrón nun dos barcos dos Marianos.

Tivo dúas gamelas: Clorinda e Luz Divina. Unha das veces que foi pescar caeu ao mar e non era capaz de chegar a terra nadando por culpa dese brazo que tiña tan mal. Foi o "Yon", o can que tiña, que o levaba moitas veces con el, o que o arrastrou ata as rochas. Esta era unha das cousas que Cecilio sempre contaba orgulloso do seu can. Era un apaixonado da música. Dende moi novo gustáballe bailar, facer as letras, letrillas como el lle soia chamar, cando compoñía algunha canción para os carnavais aqueles que facían no Outeiro, onde se xuntaban todas as comparsas. Reuníanse todos alí e logo ían a Santa Marta, e polo Hio e Aldán a buscar ás outras comparsas para acabar de novo no Outeiro todos xuntos. Aqueles carnavais duraban varios días, disfrazados con roupas vellas e con aqueles traxes tan orixinais que se facían na casa.

Facía cancións para varias comparsas aínda que logo non participara no Antroido, gustáballe ir escoitalas. Cecilio formou parte da comparsa Os Mariñeiros aínda que a máis importante para el foi a que el mesmo axudou a formar, As Incansables, formada por catorce mulleres. Esta foi a comparsa que levou sempre no corazón. Cando ensaiaban as cancións ao chegar á casa contaba que tanta muller ía a acabar con el porque cando se poñían a discutir eran como feras, provocando as risas de todos; pero sempre recoñecía que tiñan unhas voces moi fermosas. De feito foron convidados ao programa da Televisión de Galicia, dirixido e presentado polo músico Antón Reixa, e chegaron a gravar un disco.

Pero a súa verdadeira paixón era a poesía. Polas noites estando na cama pensaba os seus versos e si algún lle gustaba levantábase e ía a un cuarto onde tiña as súas cousas, aquela mesa redonda na que tantas veces se sentaba a escribir, aquela carpeta azul de cartón onde tiña escrito o seu nome e que gardaba como un tesouro. Naquel cuarto tiña uns andeis onde gardaba os libros das festas da Romaría de Darbo que tanto lle gustaban e onde publicaba as súas poesías dedicadas á Virxe do Carme do que era tan devoto e ás rapazas que cada ano eran raíñas das festas. Gardaba os libros das festas de San Roque onde tamén escribía todos os anos e onde dedicaba as rapazas que tamén eran raíñas ese ano,vivencias persoais de cando ía a velas , o que sentía e o que significaban para el eses días.

Por mor da súa enfermidade ás veces custáballe aguantar o bolígrafo. Entón esperaba a que chegara a súa neta de estudar e ditáballe os versos que el tiña memorizados na cabeza e ía escribindo o que o seu avó lle dicía Pero nin con esas deixaba de escribir. Ás veces sorprendíanse de cómo facía.

Gustáballe dedicar os seus versos aos mariñeiros. Sempre dedicado ao mar cos seus cantos e os seus versos pero tanto lle facía unha poesía á area branca dunha praia como ao alto dun monte. Cecilio escribía o que sentía nese momento o miralas, ao sentilas, gustáballe plasmar eses sentimentos nun cacho de papel e se non tiña un caderno ao lado era igual collía un cacho de almanaque ou o que tivese a man e comezaba a escribir.

Gustáballe dar paseos pola Alameda Vella. Cada vez que baixaba a Cangas daba a súa primeira parada na perruquería do seu amigo Gelito. Ás veces, ao chegar á casa comentaba algún tema que escoitara e dicía que era bo para unha canción dos carnavais e xa empezaba a maquinar as súas letras. Sempre estaba pendente do que sucedía para despois ver si sería interesante facer unha canción.

Outras das súas paradas era no Bar Celta. Alí tomaba os viños cos seus amigos e moitas veces pedíalles opinión dalgún poema ou canción. Xuntábanse todos ao redor dunha mesa e el comezaba a ler e eles dábanlle a súa opinión e seguramente algunha idea aínda que el niso ía ben sobrado porque ao escoitar moitas das cancións de carnavais as veces preguntábase un de onde saíran esas ideas. Pois seguramente que algunha que outra vez dese corro de amigos.

Gustáballe como a todo o mundo ter bos amigos e sempre falaba cun gran cariño do seu amigo Víctor o da Vendima. Era unha persoa a que lle gardaba un gran aprecio. Tamén lle tiña moito aprecio a Antonio, o home de Soledad, do que era veciño e co que soia subir para a casa despois de dar unha volta. Para chegar á casa aínda facían algunhas paradas para descansar porque a Cecilio doíanlle os pés por mor da súa enfermidade. Falaba do seu gran amigo Pepe O Poeta, ao que lle tiña moito aprecio, e contaba como unha vez fora co seu amigo a Santiago e recibiran un diploma como poetas de Galicia. Xuntábanse Modesto, Ramalles, Pepe o Gallego, Pepe o da Garita, Verísimo o seu fillo o Yayo? recordaban as cancións de cando eran mozos e cantábanas todos xuntos e compartíanas cos seus fillos que herdaron do seu pai o bo cantar.

Era un home moi familiar. Gustáballe ver aos seus fillos xuntos que se levaran ben. Que foran polas tardes á súa casa de Balea a visitalo e que falaran con el. Iso gustáballe moito.

Esa casa, ese cuarto con estantes cheos de libros. Os seus diplomas. Aquela mesa redonda, aquela carpeta azul de cartolina, aquelas sestas debaixo do limoeiro. O son do mar e o aroma das arbores e das viñas rodeando a casa era o que el tanto quería. A súa casa de Balea

Fátima Xuncal Rial
Neta do Poeta