"A PEDRA DE FACER O CALDO"

Lois de cativo

Este é un fermoso conto que escoitei, sendo un rapaz, nunha taberna de Darbo.

Xosé e Carmela eran un matrimonio que vivía entre o camiño da Lameira e a Revolta, na parroquia de Darbo. Xosé era mariñeiro e Carmela traballaba no campo, tiñan 5 fillos (4 mulleres e un home).

Era o ano 1941, despois dá guerra civil, anos moi difíciles, e sobre todo de fame. Un frío e ventoso día de inverno, Xosé saíu a pescar na súa gamela,e como era habitual, pasou a mañá enteira no mar. Despois voltou moi triste coa patela totalmente vacia. Cando chegou a terra, na praia do Porto, en Sta. Marta, duas das súas fillas esperaban ao seu pai para axudarlle a subir á embarcación. As nenas, cando viron a patela sen peixe, preguntaron ao seu pai qué pasou e él constestou que o mar estaba moi revolto e escuro e que unicamente collese unha pedra dunha gharabeta que utilizaba para coller polbos.

Cando chegaron a súa casa, díxolle a Carmela, que puxera o pote ao lume para facer o caldo. Cando a auga empezou a ferver, meteu a pedra que trouxera do mar, e toda a familia sentouse arredor do pote, na lareira. Ao pouco tempo chegou unha muller de Aldán, e preguntou qué estaban facendo ao que todos contestaron que era un caldo de pedra. Entón a muller foi a súa casa e trouxo un anaco de touciño, que meteu na pota, para darlle un pouco dá sabor ó caldo.

Máis tarde, pasou pola porta un home do Hío, que sentiu o cheiriño do lume e tamén preguntou o mesmo. Despois foi ao seu alboio e trouxo unha vella galiña, que tamén meteu no pote. Agora todos falaban arredor da lareira. Cando chamaron á porta, era unha muller de Coiro, preguntou o mesmo e despois foise á súa horta a coller un repolo, que lavou con moito xeito e tamén meteu no pote. Para rematar, chegou un home de Cangas que viña da feira e mercara unhas patacas, todos dixeron que estaban facendo o caldo de pedra e unhas pataquiñas serian un bo remate para o pote. O home non dubidou e colleu as patacas e tamén botounas no pote.

Cando rematou de ferver, Xosé, Carmela e seus fillos, xunto coas demais persoas, sentaron arredor dá lareira e comezaron a comer o caldo que había no pote.

Dende aquel día, a familia de Darbo coñeceu o que era o sentido dá solidariedade, e na parroquia de Darbo, tamén saben recoñecer a solidariedade das parroquias de: Aldán, Hío, Coiro e Cangas.

PD: Carmela garda con moito agarimo aquela pedra de facer o caldo que trouxera do mar o seu marido Xosé, e tódolos domingos do ano cando na casa se facía o caldo o primeiro que se botaba no pote era a pedra salgada da gharabeta que viñera do mar.

 

Lois Guimeráns Rial