As festas máis importantes que se celebraban en cada parroquia non se limitaban só a aquelas que conmemoraban aos seus distintos patróns ou patroas senón que moitas outras con advocacións xerais ou de pequenas capelas tamén tiñan cabida nun amplo calendario que se espallaba todo ao longo do ano. Nestas celebracións era obrigada a presencia da Guarda Civil pois os mozos, sobre todo de Cangas e Moaña, adoitaban ensarillarse a miúdo en liortas diversas. De todas estas actividades festeiras públicas tiraba xa boa porcentaxe a Sociedade de Autores de Cangas cuio representante ata xullo do 1932 sería o concelleiro Lorenzo Corbacho. Desta data en diante José Rodríguez Rivera, xefe de correos, sustituiríao como representante da devandita sociedade. Máis dunha vez a Sociedade de Autores tería que solicitar os aboamentos que lle debía o Concello polos bailes públicos. Desde maio do 1933 o Concello procedería a gravar as festas cunha porcentaxe para a Beneficencia.
Algunhas das numerosas festas que se celebraban nas parroquias eran as do Santo Antonio Abade (xaneiro do 1931) en Darbo. Só se farían este ano xa que estiveron custeadas polo propietario Manuel Martínez e contaban coa novidade dunha bendición de gando. En xuño e na merma parroquia terían lugar, ainda que de xeito discontinuo, as festas adicadas á Virxe do Carme (a veces con procesión ás Cíes) e ao San Benito. En xullo do 1932 celebraríase unha festa a Santa Lucía coa actuación da banda municipal pola tarde e no folión da noite e habitualmente en setembro ou outubro, as de Santa Marta na capela e barrio do mesmo nome. A mediados de agosto celebrábanse as de San Roque de grande tradición tamén en Cangas ao compartir algúns dos actos relixiosos como a procesión que trasladaba o santo, previo permiso dos maordomos, desde a capela a colexiata como acontecería excepcionalmente no 1932. Non obstante, o habitual era o traslado da imaxe á capela do Hospital co acompañamento da banda de música local e alí era recibida co repenique da campá e o estouro ledo dos foguetes dos pirotécnicos Antonio Pereiro ou Tievo.
Mais as festas grandes de Darbo eran as do 8 de setembro na honra de Santa María que no 1931 recuperarían, despois de dez anos, os chamados fogos da víspera. Este ano, dúas bandas, a de Cangas e do Carballiño (outros anos a de Moaña), amenizarían a festa como xa era habitual. Nas do ano 1933 estarían presentes as bandas de Cangas e de Moaña, celebrándose festa na carballeira con bailes, verbenas, fogos, misas e sermóns. Nestas datas non se fai referencia á antiga danza pero alúdese por primeira vez á iluminación da carballeira con luz eléctrica. A queima dunha traca e a intervención no interior da igrexa do Orfeón hijas de María dirixido por Lucas Ramírez. serían outros dos actos máis salientables deste ano. Cabería dicir que máis adiante, cara o 1936, esta formación musical de exclusiva actuación no ámbito eclesial pasaría a denominarse Schola Cantorum.
Xerardo Dasairas Valsa