O CINE NA II REPÚBLICA EN CANGAS (1931-1936)

Parece ser que chega a Cangas no ano 1908 da man de Manuel Cabanelas que posuía un café no que adoitaba combinar as actuacións teatrais coas proxeccións de cine mudo. Desde comezos dos anos vinte xa funcionaría o chamado Salón-Teatro Príncipe Alfonso que estaba ubicado na rúa Real. O seu empresario, Saturnino Blanco, tería un tráxico final durante o levantamento do 1936.

Durante a Dictadura de Primo de Rivera, a censura recaería sobre as proxeccións cinematográficas de xeito moi sutil e efectivo dándose o caso de que os filmes titulados Eloy Gonzalo e Entre la Vida y la Muerte serían algúns dos prohibidos en Cangas no 1929. Coa chegada do rexime democrático e de liberdades da República, o nome do teatro-cine Principe Alfonso (chamado popularmente só Alfonso) mudaría o nome ao de Principal por aquilo de evitar connotacións monárquicas. A censura, sen embargo non desaparecería totalmente pois moitas escenas de diferentes películas (a maioría ianquis) serían mutiladas por ofrecer imaxes que un réxime democrático, progresista e respeitoso coas liberdades como era o republicano, non podía permitir. Por exemplo, na película Agente Especial suprimiríase unha escena na que un axente da lei, de uniforme, roubáballe un cigarro-puro do peto a un dos criminais detidos e púñase a fumalo diante del. Outra mutilación acaecería na película (ianqui tamén) titulada Rumba na que aparecía unha escena cuns escravos negros cargados de cadeas mentres nunhas letras se lía "Así nació la rumba".

Películas de moito éxito nestas datas serían as de Harold Lloyd, Charlot, Tom Mix (en capítulos) e tamén Rataplán, El cura de aldea, Mimí, Morena Clara (con Imperio Argentina), El Gato Montés... Claro que para ver algunhas destas películas non ficaba máis remedio que desprazarse o domingo a Vigo onde xa funcionaba o cine sonoro. Neste sentido, produciríase unha reclamación dos veciños de Cangas a Vapores de Pasaje pois tiñan que asistir á sesión infantil das 3,30 por medo a teren que durmir en Vigo se optasen pola función das 5 e media.
O 6 de decembro do ano 1931, o Pósito de Cangas faría ás seis da tarde, nos seus locais, unha sesión de cine con asuntos recreativos, instructivos y curiosos. Esta proxección era en exclusiva para socios de número, protectores e familiares, sen ten que pagar cotas extraordinarias como se facía antes pestes actos fora de programa. Ademáis, a sesión cinematográfica estaría amenizada coa radio-gramola que posuía a propia institución.

O cine Principal de Cangas tiña de aforo 100 asentos de preferencia e 115 de xeneral, Gustando a entrada 60 cts. para os primeiros e 30 cts. para os segundos. No ano 1934 os prezos das entradas subirían a 75 as e 40 cts respectivamente. Ao longo do ano viña celebrando unhas cen funcións repartidas en corenta dobres e sesenta sinxelas. Ás veces, durante as festas e conmemoracións locais, celebrábanse funcións das cualificadas como especiais e tamén das chamadas populares. Unha destas tenía lugar en marzo do 1932 no que se proxectou a película Galicia co propósito de recadar cantos para a Beneficencia local. O propietario do cine aportaría desta vez o local e a luz gratis.

Nos finais de agosto do 1933 a Administración de Rentas Públicas de Pontevedra comezaría a controlar o negocio cinematográfico e desta fiscalización non se escaparía tampouco o de Cangas que con Gary Cooper, Carlos Gardel, Imperio Argentina e outros actores e actrices de moda enchía as salas ata rebordar. Tanto era o éxito que mesmo José López Díaz dono do Salón Victoria de Bueu decidiríase a pór o cine sonoro, inaugurándose este acontecemento o día de San Xosé do ano 1934. Sobre esta mesma data, o cine chamado agora Cangas, anunciaría a súa primeira película hablada en español proxectando para tal ocasión Tarzán y su Compañera. Outra película de éxito, avalada pola Fox e o público, sería o filme Carnet Amarillo, cualificado como drama ruso coa intervención do coñecido actor Lionel Barrimore. Na Semana Santa de abril do mesmo ano, sería a Metro quen ofrecese Rasputín y la Zarina en sesión de tarde e noite e segundo se conta, a xente chegada das aldeas do concello esgotaba as entradas. O domingo de Pascua John Barrimore e Clark Gable volverían a encher con Vuelo Nocturno e en maio sería El Alguacil de la Frontera o que repetise éxito. Por estas datas o cineasta José Gil andaba rodando outravolta en Cangas e arredores, o filme documental La Península del Morrazo por encargo dos conserveiros de Cangas, Aldán e Bueu. Boa proba da auxe que estaba alcanzando o cine na vila era que as sesións dominicais xa se incrementaran a tres pases (5,30; 7,30 e 10, 30) repetíndose incluso tamén nos sábados.

Na carteleira do verán do 1935 sobrancearían títulos como Tierra de pasión, El Valiente, (completada cunha sesión de espectáculo de revista), Los Misterios del Mar, Laurel y Hardy ou El Abuelo. A comezos de agosto e mentres Lerroux daba un mitin na praza de touros de Pontevedra o cine de Cangas proxectaría, sen que tivese nada que ver o título escollido, Una extraña aventura, falada en español; tendo moito éxito no mes seguinte o filme Juventud Triunfante con Ramón Novarro. Durante o Nadal o cine Cangas proxectaría Asesinato en la terraza con Mima Loy e en xaneiro, xa do 1936, El Pelirrojo e tamén Rosario La Cortijera, con cheo a rebordar pois estaba interpretada por Estrellita Castro e El Niño de Utrera. En abril, os filmes Chu-Chin-Choh, Club de Medianoche, El negro que tenía el alma blanca, Cuesta Abajo (con Carlos Gardel) e Futbol y Tangos foron os máis sonados éxitos aos que habería que sumarlles Ojos Cariñosos xa na tempada de verán (xuño). No mes de maio do 1936 o que era empregado do Cine Cangas, José Pardo, aprobaría as oposicións a operador cinematográfico co que xa podería exercer este cargo con todas as da lei. Tamén en xuño deste mesmo ano, o fotógrafo José Suárez, da man da productora Cifesa, comezaría en Cangas e Bueu a rodaxe de Mariñeiros que formaba parte dunha serie de documentais sobre as tradicións e os oficios de Galiza. A rebelión militar contra a República deixaría inconcluso este proxecto.

Como caso excepcional cabe suliñar que a finais de xuño do ano 1936 funcionaría en Aldán un local chamado Cine Royal que coidamos pertencese aos cines ambulantes dos chamados cineclubes proletarios. A concienciación dos obreiros, labregos e mariñeiros sería o seu principal obxectivo e para elo utilizarían fitas de cine soviético a penas exhibidas nas salas comerciais. Unha das máis concorridas sería Iván El Terrible, curiosamente anunciada como Juán El Terrible nunha libre vulgarización do título do film. Ao tempo, en Cangas proxectábase Casino del Mar con grande éxito de público. Mais esta grande afluencia de espectadores habería de traer tamén algúns problemas que se patentizarían abondo durante a proxección do filme Bolero despois do cal varios visitantes de Cangas nestas datas protestarían polo enorme barullo e escándalo propiciado polos rillotes que se apoleiraban en general.

Desde comezos de outubro do 1936 en plena guerra civil, actuaría unha Xunta Provincial de Protección de Menores que exercía un férreo control sobre o único cine existente, supervisando as películas (aptas ou non aptas) e o tipo de público que podía acceder a miralas. Xa no ano 1939 funcionaría un novo cine en Cangas que contaba con 226 metros cadrados de superficie e albergaba 275 butacas de preferencia e 125 de xeneral.

Xerardo Dasairas Valsa