DARBO

Lois de cativo

Dicir Darbo é dicir Romaría, damas e galáns, guía e contraguía, que cada oito de setembro, bailan Danza e Contradanza ao son da sublime gaita, diante da maxestuosa e solemne igrexa barroca de Darbo, que se perde na noite dos tempos.

Alí, ao pé do castelo D’Aravelo que os Irmandiños quixeron acadar, descende o Río Pontillón, a rica fervenza que dende a Pedra Cabalgada facía mover o cacarexo dos muiños de Riaxe, Piñeiro e Entremuiños que co paso do tempo fixo que: “Muiño parado non gaña maquía”.

Ali, no Balcón do Rei, na atalaia de S. Roque, Fiestras naturais onde a vista descende amodiño sobre os fermosos areais de Areamilla, Congorza e Sta. Marta, coa inmensidade do azul do mar, agochan as illas na Ría.

Alí, no monte de Varalonga, onde as noites de lúa chea, pódese escoitar os paxaros cantar gregoriano, coa súa diversidade biolóxica polas especies de piñeiros e castiñeiros, fan que nun futuro non moi lonxe, sexa un espazo natural de lecer.

Alí, no Salgueirón, na antiga fábrica de conservas, preto da cheminea, o pulso da historia, latexa co reloxo da torre que se quedou parado, coa súa serea que se quedou calada, coas mulleres sen mandil de cor amarelo, sen baleas, sen varadeiro, sen barcos, que fan que se perdan antigos oficios e tradicións, agardando que de novo todo xurda baixo a protección do medio ambiente e un desenvolvemento sostible.

Lois Guimeráns Rial