Unha maré de palabras II
Contribución ao léxico do Morrazo
Frases feitas
 

Estar como a madre abadesa :
permanecer cómodo, tranquilo, sen problemas.

Chalanas no/ao mar :
expresión que reflicte o feito de meter pan na pota para sopear.

Escríbemo na auga :
dise cando unha expresión é entendida como pedante ou escura para manifestar incomprensión ou desacordo tanto na forma como no fondo.
A cagar na patela :
dise diante dunha situación de fracaso ou cando se manda a alguén a paseo.
Coller o barco pola proa :
facer algo no límite de tempo, andar a correr.
Nin comelo todo nin tragalo enteiro :
dise ante unha acción de alguén para chamarlle egoísta.
Home pobre e gordo, galopín dereito :
expresa desconfianza sobre alguén que vive por riba dos recursos que se lle coñecen.
Andar con alguén de cricarelo :
úsase cando alguén vai de acá para alá ou cando é tomado como recadeiro.
Andar a toque de beta :
andar lixeiro, moi apurado.
Doneciñas a picar, campaniñas a tocar :
expresa que a mordedela da denociña é mortal.

Andar ao boi :
andar aboiado, pola rúa sen facer nada.

Para espello es moi bastardo :
díselle a alguén cando se quere que aparte para deixar ver algo.

Facer como a burra da muiñeira :
expulsar ventosidades.

De Barra a Samil todo é area :
dise para expresar que algo é moi fácil.

Pasar de cabalo para burro :
baixar de categoría.

Ao chorar todo son mocos :
dise para expresar a inutilidade do choro.

Ter o cabuxiño :
estar enfadado.

Non todos somos iguales, paxuriños e pardales :
utilízase cando se queren marcar diferenzas con alguén.

Ser como a carioca que leva o rabo na boca :
ser [un feito] repetitivo e sen fin.

Estar na póla [alguén] :
estar moi despistado.

Ser como o carro da obra :
ser moi lento.

Tomarlle a rapeta [a alguén] :
Burlarse de alguén.
Andan os ratos no faiado :
dise cando se oen tronos.

Andar coa grade ao lombo :
1.- andar dun lado para outro sen facer nada.
2.- andar cun sambenito ao lombo.