"O POLYCOMMANDER"

Lois de cativo

Ainda era un neno cando aquel fatídico día, 5 de maio de 1970, os veciños de Darbo espertaron baixo unha nube de fume ocasionada polo petroleiro noruegués “Polycommander” que causaría unha catástrofe ecolóxica na ría de Vigo.

O “Polycommander” fora construido no ano 1965 nuns estaleiros en Goteburgo (Suecia), tiña 230 m. de eslora, 30 m. de manga e 12 m. de calado e un motor de 15.000 Cv. O petroleiro facía a ruta dende o porto de Sidon (Líbano) ata o porto de Danges (Francia) e levaba unha carga de 50.000 Toneladas de “Light Arabian” unha variedade de petróleo muy combustible.

Todo comezou de madrugada, cando o petroleiro tivo que facer unha escala de emerxencia no porto de Vigo para deixar a muller dun tripulante do barco que se atopaba moi mal e tivérona que deixar nun hospital ingresada. Esa mesma noite o petroleiro reinicia a súa ruta tomando a saída polo canal norte entre as Illas Cíes e Cabo Home, cara ao faro da zona de Monteagudo, moi preto da praia de Figueiras, pero agochados pola marea, uns baixos pretos a Punta Muxeira rachaban o costado de babor do petroleiro e a carga comezaba a sair con moita rapidez cara ao mar e logo xurdíu o lume.

A tripulación do barco estaba composta por unhas 40 persoas, dos cales varios deles eran galegos (como era habitual naquela época), en concreto da zona de Ribeira. Por sorte non houbo vítimas, tan só algún dos tripulantes sufríu queimaduras.

Ás poucas horas, a marea negra comezou a chegar ás femosas praias da nosa ría (Barra, Nerga, Liméns, Santa Marta, Areamilla, etc. e logo tras de se, moitas aves tinguidas de negro (gaivotas, cormoráns, etc.).

As autoridades mobilizaron todos os medios ao seu alcance para sufocar o lume, nese labor participaron buques tales como: Saviola, Centinela e ata o cruceiro Canarias. Logo de sufocar o lume comezouse a transvasar o petróleo que quedaba nos tanques cara aos buques cisternas que tamén participaron no salvamento, entre eles: Campaláns, Albuera, Campollano, etc.

Máis tarde, os restos do petroleiro queimado foron remolcados cara á ensenada de Barra e meses despois foi mercado por un armador grego que o trasladaría para un estaleiro do seu país e proceder a súa reforma para volver saír a navegar co nome de “Yanxilas”.

O “Polycommander” foi despezado no ano 1984 e quedará na memoria de todos os veciños da parroquia de Darbo, Santiago de Cangas e Illas Cíes, como a primeira catástrofe ecolóxica na Ría de Vigo.

Lois Guimeráns Rial