Currículo Vitae da Pregoeira

Paula Carballeira Cabana

(Fene, 1972)

            Adícase profesionalmente ao teatro e á narración oral desde 1994. Foi convidada aos principais festivais de narración oral tanto nacionais como internacionais (Brasil, Chile, Portugal....). Participou como actriz e contadora de contos en diversos programas da TVG ( “Apaga a luz”, “A noite en branco”, “Pequeno Hotel”, “O rei da comedia”, “Rías Baixas”, “Máxima Audiencia”, “Contando estrelas”, “Pepe o inglés” ou “Libro de Familia” ) e ten colaborado na Radio Galega (“Xamón,xamón”, “A taberna da galega”). Membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996, coa que coordinou a programación infantil ASTEROIDE B-612 que se desenvolveu na Sala Nasa de Santiago de Compostela e no Concello de Ferrol.  Ademais dun traballo continuado como actriz en Berrobambán e directora en propostas ocasionais tanto da devandita compañía como de outras, por exemplo Talía Teatro ("Mundos contados"), dirixiu e interpretou a proposta do Centro Dramático Galego para público infantil: “A cabana de Babaiagá” (estreada en marzo do 2006).

-----------É autora de varios títulos de literatura infantil e xuvenil: “A percura” (Edicións do Cumio, 1990), “Robin e a Boa Xente” (EDB-Rodeira, 1993. trad. ao castelán, catalán e euskera), “Troulas, andainas, solpores e unha farsa anónima” (EDB-Rodeira, 1996. trad. ao castelán, catalán e euskera), “Olo-iepu-iepu” (Galaxia, 1999), “Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico” (Xerais, 1999), “Mateo” (Kalandraka, 1999. trad. ao castelán, catalán, euskera e coreano) , “Paco” (Kalandraka, 2000. trad. ao castelán, catalán, euskera, inglés e portugués) Premio Lecturas 2001, “Correo Urxente” (EDB-Rodeira, 2002. trad. ao castelán) Premio Lecturas 2003, “O ganso pardo” (Edelvives, 2002) , “A era de Lázaro” (Galaxia, 2004), “Contatrás” (Edicións Positivas, 2006), “Smara” (Kalandraka, 2006), White Raven e Premio Isaac Díaz Pardo, “O lobisome” (Planeta Oxford, 2007), “Boas Noites” (Edicións Xerais, 2007) Premio Manuel María de Literatura Dramática infantil, finalista dos premios AELGA 2008 na categoría de libro de literatura infantil e xuvenil, nominado aos premios María Casares do teatro galego como texto orixinal no ano 2008. Ademais dos libros escolares de Lecturas: "Alicia sabe voar" e "O asubío do vento do norte" (Anaya, 2006) e "A Illa das morsas" e " A casa encantada de Vilachá" (Anaya, 2007).