Currículo Vitae do Pregoeiro

Pepo Suevos

Pepo Suevos é un deses actores que aparecen sen querer.Licenciado en Económicas, un bo día foi ver unha sesión de contacontos a cargo de Avelino González e Ricardo de Barreiro. “ Eu quero facer iso” comentou aos colegas, e meu dito, meu feito. O primeiro paso foi un obradoiro con José Campanari e despois, o seu físico “espectacular” comezou a abrirlle as portas do audivisual galego.

 “Mareas vivas”,”Pratos combinados”,”Rías Baixas”,”As leis de Celavella”,”Pepe o inglés” son as series galegas que o viron pasar, pero sen dúbida o seu personaxe con mayúsculas é o Metralla de “Terra de Miranda” (138 capítulos dan para moito).De aquí ao ámbito nacional con aparicións en “Hospital Central” ou “Quart” e polo camiño un total de once longametraxes das que destacan “Entre bateas” de Jorge Coira e “Una mujer invisible” de Gerardo Herrero.

 Agora ben, se falamos de comodidade e vocación, retomemos o tema das actuacións en bares e pequenos escenarios, xa que se por algo devece este ferrolán afincado no emerxente concello de Ames, é pola comedia, como ben demostran as súas máis de trescentas cincuenta actuacións desde o ano 2000 e a súa colaboración no programa estrela do xénero na nosa Televisión de Galicia “O Show dos Tonechos”.

Velo en directo é un non parar de rir, e a súa posta en escena agresiva, enérxica e incluso para algúns excesivamente salvaxe, provoca reaccións indescriptibles que é mellor experimentar por un mesmo.Que non cho conten, vaino ver.