Saúda da Alcaldesa

Clara Millán González

Persoal  e  colectivamente,  en  nome  de  toda  a  corporación,  de  canguesas  e cangueses, é unha grande satisfación e honra poder dirixirvos a todas e todos, veciñas/os de Darbo, Cangas, O Morrazo e visitantes de todos os lugares, estas palabras de saúda á nosa romaría por excelencia.

Dicir Romaría de Darbo é dicir Galiza, Tradición, punto de encontro, sentirmos orgullosas e orgullosos  do que somos, amizade. A festa, relación social, na súa máis alta condición e valor, con ár de romaría e pelegriñaxe.

Dicirr Romaria de Darbo é estar a mirar un fermoso cadro, unha obra mestra de arte. Arredor dun marco incomparable - adro, igrexa barroca, alpendres, fonte milagreira, entorno que nos fai derivar aos tempos máxicos das lembranzas - podemos deleitarnos coa lámina multicor con arrecendo á tradición.

Evocar as comidas campestres dos nosos devanceiros nese 8 de setembro, data referente para todas e todos. Salva de bombas e foguetes, Banda de Música, rosquiñas, solemne e tradicional procesión, pasarrúas, verbenas, arrecendo e sabor de productos de mar e terra, regados polos mellores caldos de vide, ... e a danza e contradanza no adro, declarada de interese turístico. Bailadoras e danzantes diante da Igrexa parroquial ao son da coñecida e inmortalizada melodía, cantigas de amigo dos nosos trobadores medievais.

Recoñecendo a toda a organización, actual e pretérita, que nos últimos anos conta cun limiar máis íntimo de pregón, sesión de fotos antigas e queimada, e benvida a todas e todos, veciñas/os e visitantes. Especial lembranza ao mundo do mar, tan vinculado á festividade do día, e xa na miña condición feminina tamén quixera facer unha mención ás mulleres, amas de casa que teñen que redobrar o seu labor en atención de visitantes, á Virxe, ás bailadoras da danza, ás persoas que atenden os postos, .... mención, recordo e os mellores desexos extensivos a todas e todos sen distinción.

En nome de toda a corporación, vaia a nosa admiración, cariño e apoio a todo o que representa esta Festa Romaría de Darbo.

 

Felices Festas
A Vosa Alcaldesa
Clara Millán González