“ ..E subín en romaria / pola Laxe a Daravelo / e louvar Santa María / ao pé do monte Castelo..”. Setembro, Darbo, Romaría por excelencia, Festa en maiúsculas, Lembranzas de devanceiros, familiares e amizades eternas, arrecendo de alegria, sabor a festa, Tradición renovada cada ano na mais auténtica condición e valor.
As romarías galegas son manifestacións xenuinas da nosa mais representativa tradición, a cabalo do paganismo e o fervor relixioso, e asociadas normalmente á fundación de ermidas, capelas ou igrexas, en brétemas de lendas de milagres ou aparicións prodixiosas. Mais esta nosa Tradicional Romaria de Darbo ten un engado especial, punto de encontro en ledicia e confraternidade, de historia vinculada ao mundo do mar, de datas iñesquecibles a nível colectivo, da masiva resposta e aceptación popular milleiros de persoas beilando ao son das orquestras identificándose con tempos pretéritos e bebendo nas fontes da nosa historia mais recente -, de festa grande parroquial mais tamén extensiva á nosa vila totalmente identificada -, a todo o concello e á nosa comarca, Danza e Contradanza, ..marabilloso agasallo de final de verán para os sentidos nun marco incomparable adro, igrexa barroca, alpendres, fonte milagreira -.
Un ano máis, en nome de toda a corporación e no meu proprio, anímovos a todas e todos, veciñas, veciños e visitantes, a participar en todos os actos deste amplo e variado programa de festa mostra de fotos antigas, queimada, bandas de música, orquestras, foguetes, procesión, danza e contradanza, ambiente festivo regado polos mellores caldos e acompañado de superiores pratos -, actos organizados por esta Comisión de Festas, que merece unha vez mais o noso recoñecemento e agradecemento por manter viva a romaria mais importante da nosa comarca.
!Viva a Romaria Tradicional de Darbo 2008!
A Vosa Alcaldesa
Clara Millán González