Clara Millán

Saúda da Alcaldesa

Clara Millán González

Veleiquí outravolta a Festa Romaría de Darbo.

                 A valoración de todo o que nos é propio incrementa o sentido da nosa autoestima individual e colectiva. Fala, costumes, paisaxe, tradicións, ...veñen conformando unha riqueza patrimonial en herdanza de devanceiros a continuadores. Festas e Romarías forman parte da esencia e da historia dos pobos, fusión do pasado e o presente en adaptación aos novos tempos.

                 “Crucei as ondas do mar / a beilar a Daravelo / xunto ao Pazo do Tobal / !Danzar hei meu amigo!”. Beilemos a Danza e Contradanza o día 8 de setembro. Data sinalada en marco incomparable e fermoso acto de homenaxe. Tradición, baile e danza son legados históricos  vencellados ao pobo nas súas raíces máis profundas. En todos os tempos e culturas a expresión corporal ten sido o instrumento ritual de demanda, exaltación ou agradecemento ás novas estacións, calendario agrario e distintas divinidades.

                A Tradicional Romaría de Darbo ten varios valores engadidos: a masiva e entusiasta participación das xentes e o reflectir do carácter identitario de Galiza en  dimensión universal. A través desta romaría, a total identificación de canguesas e cangueses coa súa historia e tradición, persoal, familiar e colectiva, trascende a dimensión parroquial para elevar a mesma en municipal e comarcal. Alegría colectiva que visualizamos na manifestación desbordante de milleiros de persoas beilando ao son das orquestras e participando da festa.

                Estendamos o mantel como os nosos antergos e a xantar. A mesa é o altar onde se consagra o espíritu festivo galaico, e participemos da Romaría con maiúsculas. A participar en todas e cada unha das actividades programadas e a escribir unhas novas e fermosas páxinas dese libro de historia colectiva de Darbo na memoria, que ano tras ano nos agasalla o Libro das Festas, en coordenación de Luis Guimeráns, e na recente publicación, de autoria de Xerardo Dasairas, editada pola Comunidade de Montes en Man Común.

                Saúda e agradecemento a aqueles pretéritos mordomos doutros tempos, a recentes responsabeis de organización e á actual Comisión de Festas, que ano tras ano contribuiron e contribúen a este sentimento, selo de identidade da vosa e nosa parroquia de Darbo.

               En nome de toda a Corporación os mellores desexos e Feliz Festa  a todas as xentes.  Viva a Romaria Tradicional de Darbo 2009!
                
                A vosa Alcaldesa – Clara Millán González