O verán remata, alomenos desde o punto de vista climatolóxico, pero para os veciños do Morrazo non o fai ata que se celebre a Romaría por excelencia da nosa península: A Romaría de Darbo na honra da nosa Sra. de Darbo.
E quero como Alcalde, aproveitar esta ocasión para dirixirme non só os nosos veciñ@s senón tamén aos moitos visitantes que desde outros puntos da xeografía escolleron estas datas para compartir connosco estes momentos de ledicia.
Iniciamos unha nova etapa, seguramente debido ás circunstancias do momento moi complexa, pero estou seguro que coa axuda de tod@s independentemente do seu pensamento, con ilusión e con traballo, cumpriremos os compromisos que públicamente adquirimos fai non moitos meses.
Pero hoxe toca falar de festa, da Festa con maiúsculas, xunto o lugar único onde se celebra esta Romaría mestúranse a modernidade e tradición facendo da mesma unha referencia para todas as que se celebraron no noso entorno.
A tod@s se nos enche a boca ao falar dela, pero este programa só é posible grazas ao traballo e esforzo, non sempre recoñecido, dunha Comisión de Festas que sen descanso cúmpren con ese cometido ao longo do ano. Grazas a vós podemos por uns días esquecernos dos sensabores cotiáns.
Imploramos a Nosa Sra. de Darbo para que nos axude a solucionar os problemas que estamos vivindo, e que desgraciadamente acosan a un número importante de cidadáns, maioritariamente aos máis xóvenes os que neste momento teñen dificultades para atopar un traballo, condición esta imprescindible para poder realizarse como persoas. É o momento de que todas as administracións nas nosas actuacións pensemos na prioridade que debe ter a creación de emprego, e prometo que coas nosas limitacións na parte que nos corresponda, así o faremos.
Remato cun agarimoso saúdo para tod@s que nestas datas convírtense en romeiros da Nosa Señora de Darbo, moi especialmente para a xente do mar e as súas familias.
Unha aperta a tod@s!!!
José Enrique Sotelo Villar