DARBO, PARROQUIA DE INVENTORES
Lois de cativo
Lois Guimeráns Rial
 
 
Sistema electrónico para a manobra automática do alumado de estrada dos vehículos automóbiles.
Aparello confeccionado para control da velocidade máxima.

D. MANUEL CABANELAS CAMAÑO  naceu en Cangas  a comezos do século pasado baixo o signo de acuario (símbolo de auga).  O seu pai era mestre e chegou a ser alcalde da vila pero para calquera veciño/a de Darbo dicir Cabanelas sempre se vai a relacionar coa antiga casa de pedra (hoxe en ruínas) situada ao lado dereito da baixada do Adro parroquial xusto en fronte da casa reitoral.

Despois de diversas indagacións D. Manuel Cabanelas chegou a ser un inventor de fama mundial con 60 patentes, polo cal  obtivo doce medallas de ouro, seis de prata e ademais a Cruz da Orden do Mérito da invención na X edición da Feira Internacional de Inventores, celebrada en Bruselas no ano 1961 en recompensa á súa gran labor en pro da inventiva, polo que foi o primeiro español galardoado con esta distinción.

Dito galardón foi concedido por unha patente española relacionada co automóbil e a seguridade no tráfico. En concreto tratábase dun aparato denominado “velocontrol” que se utilizaba para o control da velocidade máxima dos vehículos e así evitar moitos accidentes de tráfico. O seu custo naquela época era de aproximadamente 1000pts.

D. Manuel Cabanelas comezou moi novo con isto dos inventos e das patentes, xa que o primeiro data do ano 1926  e consistía nunha banda de rodaxe para automóbiles. Se facemos unha pequena relación dos mesmos algúns exemplos serían:

  1. Un colchón pneumático para o exército no 1930.
  2. Un código de sinais denominado “Código Cabanelas” que tiña relación coa telegrafía e radiotelegrafía secreta xunto co código Morse (1934).
  3. Un peche automàtico para pasos a nivel.
  4. Unha terminal para cables condutores de enerxía eléctrica (1946).
  5. Unha válvula de desaugadoiro  perfeccionada (1957).
  6. Un envase para produtos farmacéuticos (1960).
  7. Un tapón extractor de unidades esféricas (1960).
  8. Un aparato confeccionado para o control da velocidade máxima (1960).
  9. Un calzo de seguridade para vehiculos (1961).
  10.  Pero o seu gran invento, como dicíamos anteriormente foi o “velocontrol”, ao cal tiña un gran cariño e sempre intentou que fose declarado de utilidade pública

Dende aquí o noso agradecemento a unha persoa de esta vila que chegou ata onde chegou a nivel internacional, e moita tristura porque as autoridades da época non lle fixesen  o seu merecido homenaxe, que dun modo sinxelo quero facer eu dende aquí con admiración e afecto.

Lois Guimeráns Rial